A Xunta dá traslado ao sector hostaleiro dun plan de desescalada que contempla unha apertura gradual segundo a situación sanitaria de cada concello

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reunironse esta mañá con representantes do Clúster Turismo de Galicia e do sector da hostalería e da restauración.
Haberá varios niveis de desescalada e dentro de cada nivel haberá unhas condicións especificas a seguir en cada concello
Con Plan de rescate, a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e de 10.000 microempresas
A Xunta mantivo esta maña unha xuntanza con representantes do sector hostaleiro galego, na que se informou do Plan de desescalada das medidas restritivas postas en marcha nos concellos galegos e que afectan directamente a este sector.
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse con representantes do Clúster Turismo de Galicia e do sector da hostalería e da restauración para escoitar as súas demandas, tal e como ven facendo dende o inicio da pandemia.
No marco da xuntanza, segundo indicou o vicepresidente primeiro, o Plan de desescalada inclúe indicadores que permiten a avaliación do risco de transmisión da Covid-19 e facilitan a toma de decisións tanto para o establecemento de medidas de control proporcionais ao nivel de risco, como para o inicio do desescalada das restricións. Teranse tamén en conta tanto criterios epidemiolóxicos como de capacidade asistencial.
Así, segundo sexa situación sanitaria, haberá distintos escenarios. O seguinte escenario ao peche total será unha hostalería aberta 30% no interior e 50% no exterior, con horario ata as 17,00 horas. O seguinte escenario sería co mesmo aforo, pero co horario de apertura ata as 23,00 horas e con agrupación de persoas non convivintes ata un máximo de 6 persoas.
Se a situación mellora, xa no seguinte nivel os aforos aumentarían e o horario tamén, cun 50% no interior e 75% no exterior e con peche ás 23 horas. O Plan tamén inclúe os escenarios cara unha situación de case normalidade, cos establecementos abertos sen restricións de aforo pero con limitación de horario e, finalmente, a normalidade.
Este plan será abordado mañá nunha reunión do Comité Clínico da que deberán saír os criterios hospitalarios e epidemiolóxicos que fixen cando se pode pasar a cada escenario en función das circunstancias de cada concello.
Tal e como indicou Alfonso Rueda, “os criterios de desescaladadeberán ser aprobados e fixados de forma definitiva na reunión do Comité Clínico, e a intención da Xunta é facer unha desesacalada da hostalería gradual e por niveis. O paso dun nivel a outro virá determinado por criterios obxectivos sanitarios”.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recordou que o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector hostalería xa está activo. Os apoios dos tres programas que contempla esta iniciativa xa se poden solicitar: os dirixidos a autónomas e autónomos con e sen persoal a cargo, a microempresas e autónomos con persoal contratado e a establecementos hostaleiros pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro.
Con Plan de rescate, a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e de 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias nos concellos que, no peor dos casos, mantense inactivos desde o pasado mes de outubro.
Lorenzana destacou que todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán oscilar entre os 6.700 euros ata os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.
Fuente : https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/53555/xunta-traslado-sector-hostaleiro-dun-plan-desescalada-que-contempla-unha-apertura?langId=gl_ES