Axudas municipais a familias con fill@s en ensino obrigatorio

A Xunta de Goberno Local na súa sesión ordinaria do 24 de novembro de 2022 aprobou as seguintes:
BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS MUNICIPAIS A FAMILIAS CON FILLOS E FILLAS EN ENSINO OBRIGATORIO (expediente 26298/332)

PRIMEIRA.- Obxecto e finalidade.
As presentes bases regulan o procedemento para a concesión de axudas ás familias do alumnado de centros docentes públicos e privados concertados, de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e de educación especial sitos no termo municipal de Vigo, coa finalidade de paliar os efectos da actual crise económica de xeito que os gastos inherentes ao novo curso escolar lles resulten menos gravosos, tendo en conta o actual contexto socio-económico motivado polos altos niveis de inflación e a alza dos prezos.

SEGUNDA.- Réxime de Concesión.
A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva sen establecer comparación entre as solicitudes e sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos nestas bases.

TERCEIRA.- Contía da subvención e aplicación orzamentaria.
A contía das axudas será de 205,00 (douscentos cinco) euros por cada fillo/a escolarizado/a que reúna os requisitos establecidos na base cuarta

CUARTA.- Beneficiarios/as.
Poderán beneficiarse destas axudas os pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnado de centros docentes sostidos con fondos públicos sitos no termo municipal de Vigo matriculados en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial

QUINTA.- Requisitos.

  1. Que o alumnado para o que se solicite a axuda estea matriculado nun centro público ou privado concertado en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Especial situado no termo municipal de Vigo.
  2. Que o/a solicitante conviva cos/cás alumnos/as para os/as que se solicite a axuda. A convivencia habitual acreditarase mediante informe dos datos do padrón de habitantes (Para os solicitantes empadroados en Vigo a comprobación realizarase polo Concello de Vigo).
  3. Ter presentado a solicitude e a documentación necesaria nos prazos estipulados.
  4. Que os titulares das axudas se atopen ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co Concello de Vigo e coa Seguridade Social, e deben cumprir os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).
    Para a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias referidas establecese o réxime simplificado de conformidade co disposto no artigo 31.7 e) da LSG, e artigo 24.4 do RLXS.
  5. Situación de acollemento: acreditarase por resolución xudicial ou administrativa
  6. Situación de tutela: acreditarase por resolución xudicial ou administrativa

SEXTA.- Obrigas.
Serán obrigas das persoas beneficiarias da subvención, ademais das previstas nestas bases reguladoras e das sinaladas nos artigos 14 da LXS e 11 da LSG, as que seguen:

  • Facilitar toda a información que fose requirida polo Concello de Vigo no proceso de xestión e aboamento destas axudas.
  • Responder da veracidade da información e autenticidade da documentación achegadas.
  • Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se leven a cabo polo Servizo de Educación a quen corresponderá a comprobación destas subvencións e facilitar a este e a Intervención Xeral Municipal, Tribunal de Contas e Consello de Contas toda a información que reclamen no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das subvencións.

SÉTIMA. – Compatibilidade e tratamento fiscal.
A subvención que se outorgue será compatible con outras axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados para a mesma finalidade.
O tratamento fiscal das axudas previstas nestas bases será o que determine en cada caso a Administración Tributaria competente.
A estes efectos:

  • As axudas están destinadas a familias con alumnado de estudos regrados de centros docentes sostidos con fondos públicos de educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial.
  • A concesión das axudas axústase aos principios de xeneralidade, non discriminación nas condicións de acceso e publicidade na convocatoria

OITAVA.- Solicitude e documentación.
O procedemento de concesión das axudas será en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da LSG, non sendo necesario fixar unha orde de prelación, nin realizar comparación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos estabelecidos nestas bases, por canto a finalidade é axudar a todas as familias con nenos/as en educación obrigatoria e educación especial, atendendo aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos/as matriculados/as en centros docentes públicos e privados concertados, en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial situados no termo municipal de Vigo utilizando o modelo oficial que figura como Anexo.
So se aceptará unha solicitude por unidade de convivencia. No caso de que se presenten máis acumularanse, tramitándose a primeira presentada no Rexistro.
Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

  1. DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante (só para solicitude presencial).
  2. Libro de familia completo ou documentación oficial acreditativa dos membros da unidade familiar, coas súas datas de nacemento.
  3. Volante de empadroamento familiar só para os solicitantes non empadroados en Vigo.
  4. Certificado de matrícula do centro escolar acreditativo de que o alumnado para o que se solicita a axuda está matriculado no curso 2022-2023 en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Especial.
  5. Documento acreditativo do IBAN da conta bancaria da persoa solicitante da axuda.
  6. De ser o caso, outro documento xustificativo da convivencia co menor.
  7. Declaración responsable do cumprimento de obrigas tributarias e coa Seguridade Social de conformidade co artigo 24.4 do RLXS (Esta declaración consta incluída no formulario de solicitude)

NOVENA.- Presentación de solicitudes.
As solicitudes cumprimentaranse mediante o formulario de solicitude de uso obrigatorio para os interesados.

  • Solicitude telemática (vía preferente): Poderá presentarse a solicitude por medios electrónicos na sede electrónica do Concello de Vigo a través da URL: https://www.vigo.org/axudas-ensino (premendo no botón Tramitar por Internet) achegando a documentación esixida nas bases, sendo necesario asinala por calquera dos medios de sinatura admitidos na Sede Electrónica, que se poden consultar no enlace https://sede.vigo.org/expedientes/sede_textos/texto.jsp?idt=sede_firma.
  • Solicitude presencial: Deberá cumprimentarse o formulario de solicitude a través da URL: https://www.vigo.org/axudas-ensino (premendo no botón Tramitar presencialmente)
    e posteriormente presentalo no Rexistro Xeral Municipal do Concello de Vigo xunto coa documentación esixida nas bases.
  • Así mesmo, os/as interesados/as poderán presentar as súas solicitudes por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPACAP)

DÉCIMA.- Prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes e documentación complementaria correspondente será de dous meses contados a partir do día seguinte á data de publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra que será comunicado desde a Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) que opera como sistema nacional de publicidade de subvencións.
A presentación da solicitude implicará que se aceptan as bases da convocatoria, cúmprense os requisitos esixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

VER PUBLICACION COMPLETA NO BOLETÍN