Ayuda Concello de Vigo a familias con hijos en enseñanza obligatoria curso 2023/2024

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS MUNICIPAIS A FAMILIAS CON FILLOS E FILLAS EN ENSINO OBRIGATORIO CURSO 2023/24

A Xunta de Goberno Local na súa sesión ordinaria do 17 de novembro de 2023 aprobou as seguintes:

PRIMEIRA.— OBXECTO E FINALIDADE.

As presentes bases regulan o procedemento para a concesión de axudas ás familias con nenos e nenas matriculados/as en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e Educación Especial, en centros docentes públicos e privados concertados sitos en Vigo, ou que estean empadroados/as en Vigo e matriculados/as nas mesmas etapas educativas en centros sostidos con fondos públicos sitos noutros municipios.
Estas axudas buscan paliar o impacto sobre a capacidade de compra das familias con menores a cargo producida pola subida xeneralizada de prezos, coa fin de que poidan facer fronte ao desembolso extraordinario que supoñen os gastos necesarios para a volta á escola do alumnado das referidas etapas educativas.

SEGUNDA.— RÉXIME DE CONCESIÓN.

A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva sen establecer comparación entre as solicitudes e sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos nestas bases.

TERCEIRA.— CONTÍA DA SUBVENCIÓN E APLICACIÓN ORZAMENTARIA.

A contía das axudas será de 205,00 (douscentos cinco) euros por cada fillo/a escolarizado/a que reúna os requisitos establecidos na base quinta.
O financiamento da concesión destas axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 3260.480.0002 “Plan extr. axudas familias fillos escolarizados, dotada con 5.842.500,00 euros.
Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determina na presente convocatoria. Non entanto, para o suposto de que o crédito sinalado non fose suficiente para atender a todas as solicitudes que cumpran os requisitos esixidos nas presentes bases prevese a posibilidade de tramitar un incremento de crédito nos termos previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG). O incremento do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Ao tratarse dun suposto de tramitación anticipada, previsto no artigo 56 do Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei Xeral de Subvencións (RLXS), a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

CUARTA.— BENEFICIARIOS/AS.

Poderán beneficiarse destas axudas os pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria, formación profesional básica e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos sitos no termo municipal de Vigo ou doutros municipios sempre que, neste caso, os nenos e nenas estean empadroados en Vigo.

QUINTA.— REQUISITOS.
  1. Que o alumnado para o que se solicite a axuda estea matriculado en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica ou Educación Especial en centros públicos ou concertados situados no termo municipal de Vigo, ou ben, que os nenos e nenas estean empadroados en Vigo e matriculados/as nas mesmas etapas educativas en centros sostidos con fondos públicos doutros municipios.
  2. Que o/a solicitante conviva cos/coas alumnos/as para os/as que se solicite a axuda. A convivencia habitual acreditarase mediante informe dos datos do padrón de habitantes (Para os solicitantes empadroados en Vigo a comprobación realizarase polo Concello de Vigo).
  3. Ter presentado a solicitude e a documentación necesaria nos prazos estipulados.
  4. Que os titulares das axudas se atopen ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co Concello de Vigo e coa Seguridade Social, e deben cumprir os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).
    Para a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias referidas establecese o réxime simplificado de conformidade co disposto no artigo 31.7 e) da LSG, e artigo 24.4 do RLXS.
  5. Situación de acollemento: acreditarase por resolución xudicial ou administrativa.
  6. Situación de tutela: acreditarase por resolución xudicial ou administrativa.
SEXTA.— OBRIGAS.

Serán obrigas das persoas beneficiarias da subvención, ademais das previstas nestas bases reguladoras e das sinaladas nos artigos 14 da LXS e 11 da LSG, as que seguen:

  • Facilitar toda a información que fose requirida polo Concello de Vigo no proceso de xestión e aboamento destas axudas.
  • Responder da veracidade da información e autenticidade da documentación achegada.
  • Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se leven a cabo polo Servizo de Educación a quen corresponderá a comprobación destas subvencións, e facilitar a este e a Intervención Xeral Municipal, Tribunal de Contas e Consello de Contas toda a información que reclamen no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das subvencións
SÉTIMA.— COMPATIBILIDADE E TRATAMENTO FISCAL.

A subvención que se outorgue será compatible con outras axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados para a mesma finalidade.
O tratamento fiscal das axudas previstas nestas bases será o que determine en cada caso a Administración Tributaria competente.
A estes efectos:

  • As axudas están destinadas a familias con alumnado de estudos regrados de centros docentes sostidos con fondos públicos de educación primaria, educación secundaria
    obrigatoria, formación profesional básica e educación especial.
  • A concesión das axudas axústase aos principios de xeneralidade, non discriminación nas condicións de acceso e publicidade na convocatoria.
OITAVA.— SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN.

O procedemento de concesión das axudas será en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da LSG, non sendo necesario fixar unha orde de prelación, nin realizar comparación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos estabelecidos nestas bases, por canto a finalidade é axudar a todas as familias con nenos/as en educación obrigatoria e educación especial, atendendo aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores/as ou representantes legais dos/das alumnos/as matriculados/as en centros docentes públicos e concertados, en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e Educación Especial, utilizando o modelo oficial que figura como Anexo nestas bases.
So se aceptará unha solicitude por unidade de convivencia. No caso de que se presenten máis acumularanse, tramitándose a primeira presentada no Rexistro.

  1. Con carácter xeral, xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:
    1. DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante (só para solicitude presencial).
    2. Libro de familia completo ou documentación oficial acreditativa dos membros da unidade familiar, coas súas datas de nacemento.
    3. Volante de empadroamento familiar só para os solicitantes non empadroados en Vigo.
    4. Certificado de matrícula do centro escolar acreditativo de que o alumnado para o que se solicita a axuda está matriculado no curso 2023-2024 en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica ou Educación Especial.
    5. Documento acreditativo do IBAN da conta bancaria da persoa solicitante da axuda.
    6. De ser o caso, outro documento xustificativo da convivencia co menor.
    7. Declaración responsable do cumprimento de obrigas tributarias e coa Seguridade Social de conformidade co artigo 24.4 do RLXS (Esta declaración consta incluída no formulario de solicitude)
  2. Solicitantes que presentaron a documentación para as axudas concedidas no curso 2022- 2023: De conformidade co artigo 28.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, os/as solicitantes aos/ás que lles tivese sido concedida a axuda a familias con fillos e fillas en ensino obrigatorio para o curso 2022/2023, non estarán obrigados/as a presentar a documentación que xa presentaron e que pode ser consultada pola Administración. Os solicitantes que se atopen neste caso deberán asinar Declaración Responsable na que afirman: que cumpren cos requisitos recollidos nas bases para a obtención da axuda (que os/as alumnos/as para os/as que solicitan a axuda están matriculados/as nas etapas educativas requiridas nun centro público ou concertado; que conviven cos/coas alumnos/ as para os/as que solicitan a axuda e que ostentan a súa custodia/tutela) e que dispoñen da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos, que será posta á disposición da Administración no caso de que esta lles sexa requirida (esta declaración consta incluída no formulario de solicitude).

Se a conta bancaria indicada na solicitude non coincide coa sinalada na solicitude do curso 2022/23 deberán achegar o documento acreditativo do IBAN da conta bancaria da persoa solicitante da axuda.
O alumnado nacido con anterioridade ao ano 2008 deberá presentar certificado de matrícula do centro escolar acreditativo de que o alumno/a está matriculado no curso 2023/2024 en Educación Secundaria Obrigatoria ou Formación Profesional Básica (esta acreditación non será necesaria no caso dos alumnos matriculados en Educación Especial que foron beneficiarios da
axuda no curso 2022/23).

NOVENA.— PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.

As solicitudes cumprimentaranse mediante o formulario de solicitude (Anexo I) de uso obrigatorio para os interesados.

  • Solicitude telemática (vía preferente): Poderá presentarse a solicitude por medios electrónicos na sede electrónica do Concello de Vigo a través da URL: https://www.vigo.org/axudas-ensino (premendo no botón Tramitar por Internet) achegando a documentación esixida nas bases, sendo necesario asinala por calquera dos medios de sinatura admitidos na Sede Electrónica, que se poden consultar no enlace https://sede.vigo.org/expedientes/sede_textos/texto.jsp?idt=sede_firma.
  • Solicitude presencial: Deberá cumprimentarse o formulario de solicitude a través da URL: https://www.vigo.org/axudas-ensino (premendo no botón Tramitar presencialmente) e
    posteriormente presentalo no Rexistro Xeral Municipal do Concello de Vigo xunto coa documentación esixida nas bases. Así mesmo, os/as interesados/as poderán presentar as súas solicitudes por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPACAP)
DÉCIMA.— PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación correspondente será de dous meses contados a partir do día seguinte á data de publicación do extracto da convocatoria no Boletín
Oficial da Provincia de Pontevedra que será comunicado desde a Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) que opera como sistema nacional de publicidade de subvencións.
A presentación da solicitude implicará que se aceptan as bases da convocatoria, se cumpren os requisitos nelas esixidos e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, as
persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

DÉCIMO PRIMEIRA.— TRAMITACIÓN E SUBSANACIÓN DE SOLICITUDES.

De conformidade co regulado no artigo 22 da LSG a concesión das axudas tramitarase mediante procedemento abreviado, polo que a proposta de concesión formularase ao órgano concedente
directamente polo órgano instrutor que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.
A instrución do procedemento de concesión das axudas correspóndelle ao Servizo de Educación, que recibirá as solicitudes e comprobará os requisitos esixibles e a documentación acreditativa e, de ser o caso, requirirá para que no prazo de 10 días hábiles se emende a solicitude ou complete a documentación preceptiva (artigo 68.1 LPACAP), coa advertencia de que, de non facelo así, se lle terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos do artigo 21 da LPACAP. A notificación do requirimento realizarase aos interesados mediante publicación na páxina web do Concello de Vigo www.vigo.org, no portal de transparencia e no Taboleiro de Edictos, surtindo aquela os efectos da notificación nos termos do disposto no artigo 45.1.b) da LPACAP.

DÉCIMO SEGUNDA.— CONCESIÓN DAS AXUDAS.
  1. A Xunta de Goberno Local será o órgano competente para resolver sobre a concesión ou denegación das axudas.
  2. Tendo en conta o elevado número de solicitudes a concesión das axudas poderá resolverse escalonadamente, a medida que avance o proceso de verificación.
  3. O prazo para resolver será, como máximo, de nove meses dende a data de remate da presentación de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello.
    Transcorrido o devandito prazo de nove meses sen que a Xunta de Goberno Local dite resolución expresa, entenderase que é desestimada a petición da axuda.
  4. A resolución do procedemento será obxecto de publicación na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org), no portal de transparencia e no Taboleiro de Edictos, surtindo aquela os efectos da notificación nos termos do disposto no artigo 45.1.b) da LPACAP.
DÉCIMO TERCEIRA.— RECLAMACIÓNS.

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que as ditou no prazo dun
mes ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Vigo no prazo de dous meses. Os prazos contaranse a partir do día seguinte
ó das respectivas publicacións oficiais.

DÉCIMO CUARTA.— ACEPTACIÓN DA SUBVENCIÓN E OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.

A subvención entenderase aceptada se, dentro do prazo de 10 días da súa publicación consonte co artigo 45.1.b) da LPACAP, as beneficiarias non manifestan nada en contra.

DÉCIMO QUINTA.— ABOAMENTO DAS AXUDAS.

Unha vez resolto o procedemento de concesión das axudas por acordo da Xunta de Goberno Local, aboaranse as axudas mediante transferencia bancaria á conta bancaria da persoa solicitante
da axuda.

DÉCIMO SEXTA.— COMISIÓN DE SEGUIMENTO.

A Comisión de Seguimento quedará integrada pola concelleira delegada de Educación, que actuará como presidenta, a xefa do Servizo de Educación, a xefa do Servizo de Fiscalización e o
técnico medio de actividades culturais e educativas do Servizo de Educación, e será competente para resolver as dúbidas na interpretación das presentes bases.

DÉCIMO SÉTIMA.— INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

Canto ás infraccións e sancións en que poidan incorrer os beneficiarios destas axudas e o procedemento para a súa imposición estarase ao disposto no Título IV da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e e no Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento nos seus preceptos básicos, ou no seu caso, o Título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o previsto nas Leis 39 e 40, do 1 de outubro de 2015, e Título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril.

DÉCIMO OITAVA.— PUBLICIDADE.
  1. Publicidade da convocatoria e das bases reguladoras da concesión das axudas.
    As presentes Bases reguladoras e a convocatoria publicaranse conforme ao establecido no artigo 20.8 apartados a) e b) da LXS, en aplicación dos principios recollidos na Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
    Publicaranse, unha vez aprobadas:

    • As Bases reguladoras no BOPPO, no portal de transparencia e na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org).
    • A Convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), no portal de transparencia e na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org).
      A publicación do Extracto enviado á BDNS no Boletín Oficial da Provincia determinará o inicio do prazo para a presentación de solicitudes, conforme ao art. 14.1 da LSG.
      Estas bases reguladoras e os seus modelos normalizados para a presentación de solicitudes facilitaranse na páxina web municipal (www.vigo.org).
  2. Publicidade das subvencións concedidas.
    Todas as axudas que se concedan serán publicadas na páxina web www.vigo.org, no Taboleiro de Edictos e no portal de transparencia do Concello de Vigo, surtindo esta publicación os efectos da notificación nos termos do disposto no artigo 45.1.b) da LPACAP.
    As subvencións concedidas remitiranse á BDNS para a súa publicación con indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.
DÉCIMO NOVENA.— TRATAMENTO DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL.

Os datos persoais facilitados nos formularios son indispensables para a xestión da convocatoria e serán incorporados a un ficheiro municipal aos exclusivos efectos da instrución do procedemento para a concesión das subvencións obxecto das presentes bases reguladoras, a práctica das publicacións, e notificacións de obrigado cumprimento, e demais actuacións previstas na normativa reguladora das subvencións, en orden á conclusión do proceso de subvencións, polo que a súa achega é obrigatoria.
O Concello de Vigo ten a condición de responsable deses datos e asume todas as obrigas derivadas da Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos e garantía dos dereitos dixitais e do Regulamento (UE) 2016/679 – RXPD do Parlamento Europeo e do Consello sobre protección de datos de carácter persoal e das demais disposicións vixentes nesta materia.
A lexitimación do tratamento deses datos está baseada no consentimento expreso das persoas interesadas en participar no procedemento.
O prazo de conservación dos datos facilitados será o necesario para a completa execución do procedemento, incluído o prazo de prescrición a efectos de posibles responsabilidades derivadas do dito tratamento.

Os datos poderán ser cedidos tamén a outras Administracións públicas cando sexa necesario para a correcta prestación do servizo ou ben en cumprimento dun mandato legal ou xudicial.
Tamén serán obxecto das obrigas de publicación e poderán ser verificados e cotexados con calquera outros dos que as demais Administracións dispoñan a fin de comprobar a súa exactitude e veracidade.
As persoas interesadas e beneficiarias poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade, así como opoñerse á toma de decisións individuais automatizadas, incluída a elaboración de perfís, na forma prevista na normativa vixente, perante o órgano responsable do ficheiro (Concello de Vigo). Así mesmo teñen dereito a presentar unha reclamación perante a Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).
Poderán obter máis información na web municipal ou contactando co delegado de protección de datos no enderezo: dpd.vigo@vigo.org.

VIXÉSIMA.— NORMATIVA DE APLICACIÓN.

Esta convocatoria rexerase polas súas Bases; pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, nos seus preceptos básicos; pola lexislación básica do Estado en materia de réxime local; pola Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polos preceptos non básicos da Lei 38/2003 e do Real Decreto 887/2006; polas Bases de Execución do orzamento do Concello de Vigo; e polas restantes normas de dereito administrativo, e no seu defecto, as normas de dereito privado.

Vigo, na data da sinatura dixital.

A terceira tenente de alcalde e concelleira da Área de Goberno de Emprego, Fondos Europeos, Patrimonio, Medio Ambiente, Educación, Deportes e Xuventudes, Elena Espinosa Mangana (segundo Resolución de data 20/06/2023).

VER PUBLICACION EN EL BOLETÍN